domingo, 28 de octubre de 2012

A praia de Abrela. O Vicedo.

O Vicedo
A semana pasada fun ata Viveiro pasarlle a itv á furgalla (seguramente sexa a última que pase...). E ó vir de volta viña disfrutando da paisaxe costeira que desa zona me é descoñecida. Á miña dereita un barco mercante preto da costa, debía de estar esperando a melloría do temporal que ese día golpeaba estas terras. Atopeime con varias sinalizacións dunha praia que eu nunca ouvira. Praia de Abrela. Imaxinei que sería unha pequena praia e pensei que podía darse o caso que entre o mercante e unha praia salvaxe me diran unhas boas fotos. Así que collín o seguinte desvío que volvía a sinalala.


Ó chegar a ela atópome con unha praia máis grande do que eu esperaba, ha de andar polos 500 metros. Unha praia ben fermosa á beira dun pinar. Súmalle beleza o esteiro do río Escurido que tamén da nome a un lugar alí ó pé. Lugar que por certo quedei con ganas de parar nel. A luz axudaba, todo hai que decilo.

Ó que vamos! Ahí teño o mercante, e máis preto un veleiro. Duás maneiras ben distintas de enfrentarse ó mar. Que ben poden ser dúas maneiras de enfrentarse á vida. Tan válida unha coma a outra, de un depende decidir. E pa iso o mellor é ter coñecemento do que a un lle fai feliz. Se a seguridade dunha grande embarcación con patrón de quen sabe que bandeira, con destino prefixado, con un rol aceptado. Ou a aventura dun balandro que viaxa a capricho de ventos, e decide rumbo mercé a medos e valentías moitas veces propias dun tolo.

Pero aínda hai máis! Mentras disfrutaba da praia e sacaba fotos chegaron unhos rapaces envoltos en neopreno. E velaí tes outra meneira de enfrentarse á vida.

Que esquecido e pouco valorado temos o factor lúdico. Pois ó final é o que levamos! Eu reivindico o lúdico como maneira de vida. Hoxe máis que nunca digo que deberíamos dedicar 4 horas diarias ó traballo tal e como o entendemos. E as outras 4 que faltan pa completar a xornada laboral pois que sexan de intercambio lúdico. Que ti sabes tocar a guitarrra?! pois trae a guitarra! Que ti sabes facer unha bizcochada coma aquela que facía túa avoa?! pois trae unha bizcochada! Cada un que dé de sí o que teña dentro, porque algo todos temos. E eu despois cóntoo aquí.

Había moitas máis cousa na praia que merecían a pena, sempre hai moito máis do que vemos ó lonxe. Pero iso pa outro día. Boas noites.

4 comentarios:

Agradécese a vosa opinión.